Voo 001 de Icelandic Airlines

O voo 001 de Icelandic Airlines era un servizo chárter que se esnafrou o 15 de novembro de 1978 ao aproximarse á pista do aeroporto internacional Bandaranaike, en Colombo. O accidente do Douglas DC-8 que operaba a ruta matou 8 dos 13 tripulantes islandeses, os 5 tripulantes de reserva e 170 peregrinos musulmáns (principalmente indonesios), dun total de 262 pasaxeiros e tripulantes. O informe oficial das autoridades de Sri Lanka deu como causa probable do accidente un fallo da tripulación ao cumprir os procedementos de aproximación; porén, as autoridades estadounidenses e islandesas oficialmente dixeron que a culpa fora dos equipos defectuosos do aeroporto e de erros do control de tráfico aéreo. É de lonxe o peor accidente da historia da aviación islandesa e o segundo peor en Sri Lanka, despois do voo 138 de Martinair catro anos antes.

Voo 001 de Icelandic Airlines
Imaxe
 Instancia de
 Causado por
Características
 Nave
Datas
 Data
15 de novembro de 1978 Editar o valor en Wikidata
Implicados
 Operador/a
Localización
 Localización
Katunayake (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
 Lugar de saída
 Lugar de chegada
 País
 Coordenadas
Cifras e dimensións
Feridos32 Editar o valor en Wikidata
Mortes183 Editar o valor en Wikidata
Superviventes79 Editar o valor en Wikidata
Códigos e identificadores
Freebase/m/0cx087 Editar o valor en Wikidata
Wikidata C:Commons

O voo saíu de Jeddah, en Arabia Saudita, en ruta cara a Surabaya, en Indonesia. Ía aterrar no aeroporto internacional de Colombo-Bandaranaike para recargar combustible e para rotar a tripulación. Na zona había tormentas e o vento cruzado era un problema.

Avión

editar

O avión involucrado no accidente era un DC-8 fretado pola aeroliña islandesa Loftleiðir e estaba alugado por Garuda Indonesian Airways para levar peregrinos indonesios á Meca durante o hajj.[1] O avión tiña o rexistro TF-FLA e estaba bautizado como Leifur Eiríksson.

Accidente

editar

O avión contactou coa Área de Control de Ratmalana ás 22:53 hora local e foi informado de que a pista en uso no aeroporto de Colombo era a 04. O avión solicitou a pista 22 e foi autorizado a unha aproximación ILS vectorizada por radar a esa pista. A Área de Control que estaba en contacto co avión descendeuno do nivel FL 330 ao 220 a unhas 90 millas do aeroporto. Ás 23:06 o avión foi pasado ao Control de Radar (CAK), que o instruíu para baixar ao nivel FL 20 para facer unha aproximación ILS á pista 22. A tripulación seguiu as instrucións e tamén se lle solicitou que informase cando establecese o localizador. Porén, a pesar de ter recibido a mesaxe, non se recibiu ningunha confirmación. O controlador continuou informando sobre a distancia e a altura do avión. O último aviso foi ás 23:27 cando o avión estaba a dúas millas da pista. A tripulación informou ter recibido a mensaxe e esa foi a última transmisión do aparello.[1]

Pouco despois desa última mensaxe o controlador de aproximación viu o avión voando moi baixo durante a aproximación e chamouno dúas veces avisándoo de que voaba baixo. Porén, a tripulación non recibiu estas mensaxes xa que o controlador de aproximación estaba usando a frecuencia de aproximación, mentres o avión aínda tiña sintonizada a frecuencia do controlador de radar. O controlador de aproximación viu como o avión desaparecía e xurdía unha bola de lume no lugar onde o perdera de vista. O avión esnafrouse nunha plantación de caucho e cocos a pouco máis dunha milla do limiar da pista 22.[1]

  1. 1 2 3 "Informe do accidente" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09 de novembro de 2013. Consultado o 2010-1-1.