Vocento conta con 14 periódicos: ABC e o diario gratuíto Qué!, como diarios nacionais, e 12 rexionais El Correo, El Diario Vasco, El Diario Montañés, La Verdad, Diario Ideal, Diario Hoy, Diario Sur, Diario La Rioja, El Norte de Castilla, El Comercio, Las Provincias e La Voz de Cádiz. Isto convérteo nun dos primeiros grupos de prensa escrita de España, con máis de tres millóns de lectores diarios e unha difusión de 800.000 exemplares en 2006.
A coordinación entre o periódico e a súa edición dixital, a radio, a televisión local e unha comercializadora publicitaria, conforma a estratexia multimedia rexional clave no desenvolvemento do grupo. A través das produtoras Grupo Europroducciones, BocaBoca ou Videomedia, Vocento está tamén presente na produción dalgúns dos programas máis populares da televisión española como Hospital Central, El Comisario e Pasapalabra. Ademais, a adquisición en 2006 de Tripictures, a principal distribuidora cinematográfica independente de España, fai que estea presente en todo o proceso audiovisual.
No ano 2010, Vocento está poñendo en marcha na TDT a canle "La 10", unha rede nacional de televisións autonómicas, grazas ás súas concesións actuais de licenzas, "ao estilo FORTA", pero non pública como esta, se non privada.