Vittorio Pozzo
Vittorio Giuseppe Luigi Enrico Pozzo, nado en Turín o 2 de marzo de 1886 e finado na mesma cidade o 21 de decembro de 1968, foi un futbolista, adestrador e xornalista italiano. Dirixiu en varias etapas á selección italiana, coa que gañou dúas Copas do Mundo (1934 e 1938), sendo o único seleccionador con dous títulos mundiais. Gañou ademais a medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de 1936 (o único ouro olímpico do fútbol italiano) e dúas Copas Internacionais.
| Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Nacemento | 2 de marzo de 1886 Turín | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Morte | 21 de decembro de 1968 Turín | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Ocupación | futbolista, xornalista, adestrador de fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Posición de xogo | Centrocampista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Participou en | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| 1 de agosto de 1936 | Xogos Olímpicos de 1936 |
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| Premios | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Traxectoria
editarVittorio Pozzo naceu en Turín, no seo dunha familia humilde con orixe na provincia de Biella, concretamente en Ponderano, sendo fillo de Luigi Pozzo e Domenica Villa.[1] Asistiu ao Liceo clásico Cavour de Turín e máis tarde estudou idiomas e xogou ao fútbol en Francia, Suíza e Inglaterra, aprezando particularmente este último país, no que tratou de comprender e facer seus os segredos do fútbol inglés. Apaixonado polo fútbol e seareiro do Torinese, con só once anos vendeu, con algúns amigos, uns libros de latín para ver o primeiro partido de fútbol xogado en Italia, o Genoa-Rappresentanza Torino, que tivo lugar o día da Epifanía de 1898 en Xénova e foi gañado polo equipo turinés.
Como futbolista xogou no equipo reserva do Grasshopper suízo (1905-1906), que abandonou para regresar á súa cidade natal, onde axudou a fundar o Torino Football Club. Militou no novo equipo durante cinco tempadas, ata que se retirou da actividade competitiva en 1911, sendo a continuación adestrador do club de 1912 a 1922. Tras rematar os seus estudos, incorporouse a Pirelli, onde tivo un cargo de responsabilidade, ata que o deixou para asumir como adestrador da selección italiana. Aceptou o cargo de seleccionador coa única e singular condición de non recibir ningún salario.
Dirixiu por primeira vez a selección italiana nos Xogos Olímpicos de Estocolmo en xuño de 1912, a primeira vez que un equipo italiano participaba nunha competición oficial. O equipo caeu eliminado na primeira rolda, ao perder por 3-2 contra Finlandia na prórroga. Pozzo dimitiu e volveu traballar en Pirelli, mentres que a selección nacional volveu ás mans da chamada "comisión técnica", un comité composto por funcionarios federais, árbitros, xogadores, ex xogadores, adestradores e xornalistas.
Ao longo dos primeiros anos da selección, o equipo nacional estivo dirixido por este grupo heteroxéneo de composición variable, sendo Pozzo a única persoa que ocupou o cargo de seleccionador único ata finais da década de 1940, coas breves excepcións de Augusto Rangone (1925-1928) e Carlo Carcano (1928-1929). Pozzo participou na Primeira Guerra Mundial como tenente das tropas alpinas, unha experiencia que o marcou profundamente.
En 1921, a Federación Italiana de Fútbol encargoulle estudar un proxecto de reforma do campionato de liga para abordar as tensións entre os equipos principais e os clubs máis pequenos, xa que os primeiros crían que se debía reducir o número de participantes. A mediación de Pozzo fracasou e a crise levou á división entre a FIGC e a CCI, que se resolveu ao ano seguinte.
En 1924, nos Xogos Olímpicos de París, Pozzo foi nomeado unha vez máis comisario único. Esta vez, os Azzurri conseguiron chegar aos cuartos de final, onde foron derrotados por 2-1 por Suíza, que finalmente acabou como finalista. Tras esta derrota, Pozzo volveu dimitir e regresou unha vez máis ao seu traballo. Trala morte da súa esposa, trasladouse a Milán, onde, ademais do seu traballo en Pirelli, traballou como xornalista para La Stampa de Turín, un traballo que continuou case ata a súa morte.
Década dourada
editarEn 1929, o entón presidente da FIGC, Leandro Arpinati, pediulle que volvese dirixir a selección italiana. Pozzo aceptou por terceira vez, comezando así un período dourado da selección nacional. Na seguinte década, e inspirado polo sistema táctico aplicado con éxito pola Juventus adestrada por Carlo Carcano, cuxos xogadores gañaran os últimos catro campionatos de liga e que formaban a columna vertebral do equipo nacional.[2] Pozzo acumulou un destacado palmarés. Gañou as Copas do Mundo de 1934 e 1938, a medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de 1936 (a única do fútbol italiano) e dúas Copas Internacionais (competición precursora da Eurocopa) en 1930 e 1935.[3] A única vitoria que se lle escapou á Italia de Pozzo nesa década irrepetible foi a Copa Internacional de 1932, na que Italia, con todo, terminou subcampioa.
Foi tamén o primeiro en empregar sistematicamente os "retiros", períodos de illamento como preparación para un evento deportivo. Os lugares escollidos adoitaban ser residencias moi básicas, unha homenaxe ao estilo militar do adestrador. Non obstante, tamén era un mestre en fomentar o espírito de equipo e fortalecer as relacións persoais, evitando malos sentimentos e tensións no vestiario.
Ata a década de 1930, a táctica máis estendida no fútbol era a chamada pirámide de Cambridge, unha formación 2-3-5 con forma de pirámide invertida co porteiro no seu vértice. Trala segunda guerra mundial naceu o chamado método, atribuído a Pozzo e ao seu amigo e rival, o austríaco Hugo Meisl. Ambos desenvolveron a idea dunha formación con dous defensores atrás e un xogador central situado diante da defensa, entre os outros dous centrocampistas. Este xogador, coñecido como centromediano metodista, actuaba como eixo da manobra e era un antecedente do "regista" de estilo italiano. En comparación co sistema anterior, o movemento cara adiante do defensa central proporcionaba un maior apoio aos centrocampistas. Finalmente, os dous dianteiros interiores, movéndose cara ao centro do campo, deron lugar a unha formación 2-3-2-3, ou "WW", xa que repetía a forma destas letras no campo. Isto creaba unha superioridade numérica no centro do campo, coa defensa estaba mellor protexida e cuns contraataques máis rápidos e eficaces.
Non obstante, Pozzo demostrou que non tiña unha visión preconcibida da táctica, sendo capaz de adaptar as súas ideas. Co tempo, a importancia dos centrocampistas creceu no seu xogo, tamén porque tiña á súa disposición a dous dos mellores xogadores do mundo nesa posición, Giuseppe Meazza e Giovanni Ferrari, os dous únicos titulares habituais en ambos equipos campións do mundo.
Trala retirada
editarO 5 de agosto de 1948 dimitiu como seleccionador, por mor da presión da Federación. Era considerado un home do pasado, xa non apto para o seu cargo e ademais os seus éxitos deportivos eran identificados co réxime fascista de Mussolini.[4] Con todo, seguiu sendo un firme defensor da validez do método, mentres que os equipos máis laureados da época aplicaban o sistema inglés.
No momento da súa retirada, Pozzo levaba 6.927 días como adestrador da selección nacional: un récord mundial que aínda se mantén. Dirixiu á selección nacional en 97 partidos, cun total de 65 vitorias, 17 empates e 15 derrotas. A súa porcentaxe de vitorias foi do 67,01%, récord entre os adestradores da selección italiana. O seu último acto oficial foi o triste recoñecemento dos corpos mutilados dos xogadores do Grande Torino, os seus amigos e pupilos, que morreron o 4 de maio de 1949 na traxedia de Superga.[5]
En 1948, con motivo do 50º aniversario da FIGC, foille outorgado o título de "pioneiro do fútbol italiano".
Entre 1948 e 1958, Vittorio Pozzo participou con bastante asiduidade como asesor da xunta técnica, na creación do Centro Técnico Federal de Coverciano. Esta actividade tivo lugar grazas á solicitude expresa feita á Federación de Fútbol polo seu amigo e director deportivo Luigi Ridolfi, quen concibira o Centro Técnico e supervisara a súa construción ata a súa morte. Pozzo faleceu o 21 de decembro de 1968, aos 82 anos, en Turín e os seus restos repousan no cemiterio de Ponderano, a localidade natal da súa familia.
En 1986 foi bautizado co seu nome o entón Stadio Comunale de Turín (agora Stadio Olimpico Grande Torino), mentres que en xuño de 2008 púxoselle o seu nome ao estadio de Biella e, anteriormente, ao de Boscoreale. En 2011 foille outorgado un recoñecemento conmemorativo no Salón da Fama do Fútbol Italiano. Desde 2016, os seus recordos están expostos en Ponderano, nun museo dedicado á súa figura.[6]
Notas
editar- ↑ "Vittorio Pozzo: Il Re Mida della Nazionale" (en italiano). 2 de marzo de 2020. Consultado o 6 de setembro de 2025.
- ↑ Fugardi 1966, p. 92.
- ↑ "51 anni senza Pozzo: vincere tutto, nel momento sbagliato" (en italiano). 21 de decembro de 2019. Consultado o 6 de setembro de 2025.
- ↑ "Vittorio Pozzo, 50 anni fa la morte del ct che vinse tutto nel periodo sbagliato. Così venne dimenticato, ma collaborò col Cln" (en italiano). 21 de decembro de 2018. Consultado o 6 de setembro de 2025.
- ↑ "Il Toro non c'è più - 2/4" (en italiano). 4 de maio de 2019. Consultado o 6 de setembro de 2025.
- ↑ "Inaugurato il museo dedicato a Vittorio PozzoI cimeli raccontano la storia del calcio azzurro" (en italiano). 29 de abril de 2016. Consultado o 6 de setembro de 2025.