As orixes de Radio Nacional de España están na súa fundación por José Millán-Astray en Salamanca o 19 de xaneiro de 1937 en plena guerra civil española, baixo o nome de "nacional" ao ser este o nome do bando franquista.[1] Nas súas orixes dependía da Delegación de Estado para Prensa e Propaganda.[1]
Comezou as emisións cun equipamento de 20 kW da marca Telefunken, cedido pola Alemaña nazi.[1] As primeiras emisións eran noticiarios, novas e partes de guerra previamente redactados e censurados. Acadou gran sona durante a guerra civil por ser órgano oficioso do réxime e polo uso que da radio facían persoeiros como Queipo de Llano.
Durante a ditadura franquista, RNE era o medio de comunicación do réxime mantendo unha estrutura centralizada e sempre ao servizo do goberno.
Desde 1973 está integrada no ente público Radiotelevisión Española (RTVE). Desde 2007 pertence á Corporación RTVE, regulada na Lei 17/2006, de 5 de xuño, da radio e a televisión de titularidade estatal.
Na actualidade, Radio Nacional de España está integrada por seis cadeas de radio:
- Radio Nacional (xeneralista).
- Radio Clásica (música clásica e popular).
- Radio 3 (cultura e música alternativa).
- Ràdio 4 (xeneralista en catalán).
- Radio 5Todo Noticias (radiofórmula informativa).
- Radio Exterior de España (servizo público exterior).