Mustela é un xénero da familiaMustelidae, subfamilia Mustelinae. Pertencen a este xénero o armiño, furón, o visón europeo e a donicela. O termo donicela pode referirse ao menor membro do xénero (Mustela nivalis), que se coñece simplemente como donicela, donicela común ou denosiña. O xénero posúe 16 especies existentes hoxe en día e 10 delas posúen a palabra donicela no seu nome común. Por outra banda, outros mustelinos (pertencentes tamén á subfamilia Mustelinae mais non ao xénero Mustela) teñen un nome común composto coa palabra donicela: donicela da Patagonia (Lyncodon patagonicus), donicela raiada do Sáhara (Poecilictis lybica) e a donicela de pescozo branco (Poecilogale albinucha).
Os compoñentes do xénero Mustela varían en lonxitude desde os 13cm, no caso da donicela común ou donicela menor (Mustela nivalis), a uns 55cm no caso do visón americano (Mustela vison). Algunhas especies de altas latitudes, coma o armiño (Mustela erminea) cambian no inverno a pelaxe a branca. Teñen corpos alongados, útiles para cazar as súas presas nos seus tobos. Usualmente, as súas colas son case tan longas coma o seu corpo. Como é habitual en pequenos carnívoros, as Mustela teñen reputación de intelixencia e astucia.