A haka é unha danza tradicional e berro de guerra do pobo maorí de Nova Zelandia. É unha forma de danza que se representa en grupo, con movementos rexos, petando os pés contra o chan e con berros rítmicos de acompañamento.[1]
A haka de guerra era orixinalmente interpretada polos guerreiros antes da batalla, proclamando a súa forza e poder co obxectivo de amedrentar os inimigos. Porén, a haka tamén se realiza por outras razóns: dar a benvida a convidados distinguidos, para recoñecer grandes logros, en funerais, e os grupos de kapa haka son moi comúns nas escolas.
Os equipos deportivos de Nova Zelandia realizan a haka antes dos encontros internacionais e a haka fíxose moi coñecida a nivel mundial. Esta tradición comezou coa selección de fútbol de Nova Zelandia de 1888–89,[2] e foi continuada pola selección de rugby de Nova Zelandia (os All Blacks) dende 1905.