EMAS (acrónimo do inglés Eco-Management and Audit Scheme, sistema comunitario de xestión e auditoría ambiental) é unha normativa comunitaria voluntaria para organizacións da Unión Europea que recoñece ás organizacións que melloran o seu rendemento ambiental de forma continua.[1] O programa está dispoñíbel para a participación das empresas desde 1995 e inicialmente estaba limitado a empresas dos sectores industriais. Desde 2001, EMAS está aberto a todos os sectores económicos, incluídos os servizos públicos e privados.
En 2009, o Regulamento EMAS[2] foi revisado e modificado por segunda vez. Foi publicado o 22 de decembro de 2009 e entrou en vigor o 11 de xaneiro de 2010.
Como na norma ISO 14001, os procesos baseados na mellora continua son un requisito esencial dos sistemas de xestión baseados no medio ambiente de EMAS. O proceso de mellora continua é un concepto moi coñecido na xestión da calidade.
Hai máis de 4.100 organizacións rexistradas legalmente. Dispoñen dun sistema de xestión ambiental e informan sobre o seu desempeño ambiental mediante a publicación dunha declaración ambiental verificada de forma independente. Están recoñecidos polo logotipo EMAS, que garante a fiabilidade da información facilitada, e un número de rexistro correspondente. As organizacións certificadas van desde industrias, pequenas e medianas empresas, empresas de servizos, organizacións do sector terciario, administracións e organizacións internacionais (incluíndo a Comisión Europea e o propio Parlamento Europeo).[3]
Decisión (UE) 2015-801 do 20 de maio de 2015 sobre o documento de referencia sobre a mellor práctica de xestión ambiental, indicadores de rendemento ambiental do sector e referencias de excelencia para o sector do comercio retallista baixo o Regulamento (CE) Nº 1221/2009 do Parlamento Europeo e do Consello sobre a participación voluntaria de organizacións nun esquema comunitario de eco-xestión e auditoría (EMAS).
A organización que queira adherirse ao sistema EMAS en Galiza deberá ter implantado previamente un sistema de xestión ambiental e emitir unha declaración ambiental (documento que informe sobre o impacto ambiental e o comportamento da organización e sobre a súa mellora permanente en materia de medio ambiente). O sistema de xestión e a declaración deberán ser examinados por unha entidade externa recoñecida, verificadora debidamente acreditada (empresa acreditada pola Unión Europea para desempeñar esta función).[2] Unha vez realizada a comprobación, a organización deberá presentar a solicitude de adhesión ao sistema EMAS ante o órgano competente, que no caso de Galiza é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta. A certificación dos portos e peiraos pode ser tramitada por Portos de Galicia.[4]
Para permanecer no rexistro EMAS, as organizacións rexistradas deben actualizar a información da súa declaración ambiental anualmente, e calquera cambio no mesmo debe ser validado por un verificador ambiental cada ano. Para as pequenas organizacións, poden ampliar a frecuencia de renovación até catro anos e a frecuencia de actualización de datos até dous anos.[5]
Notas
↑"What is an EMS?". www.environmentalmanagementsystem.com.au. Consultado o 2023-10-15.