Unha adenopatía ou linfadenopatía é un termo que se emprega en medicina para referirse a un trastorno inespecífico dos ganglios linfáticos. Na maioría dos casos, o termo úsase como sinónimo xeneralizado dunha tumefacción, aumento de volume ou inflamación dos ganglios linfáticos, acompañado ou non de febre. Cando o trastorno se debe a unha infección, fálase de adenite e cando a infección ocupa as canles linfáticas, úsase o termo de linfanxite.
As principais causas dos ganglios inflamados son infecciosas ou por cancro.[1] A adenopatía é un signo de moitas doenzas, algunhas delas pouco frecuentes, a gran maioría de natureza benigna (preto do 1% tenden a ser por causas malignas).[2]