O pietismo, tamén coñecido como luteranismo pietista, é unha rama do luteranismo que pon a énfase tanto na doutrina bíblica como na piedade individual e no seguimento dunha vida cristiá.
Malia estar vencellado co luteranismo, o pietismo tivo un forte impacto en todas as seitas protestantes, en especial en América do Norte e Europa. Orixinouse nos territorios da actual Alemaña cara a finais do século XVII cos traballos de Philipp Spener, un teólogo luterano que se centrou na transformación persoal a través do renacemento e da renovación espirituais, a devoción individual e a piedade. A pesar de que Spener non defendeu directamente as prácticas quietistas, legalistas e separatistas do pietismo, moitas delas presupóñense nas súas posturas teóricas e actividades.
O pietismo espallouse dende Alemaña até a Suíza e o resto da Europa xermanofalante. Posteriormente, chegou até Escandinavia e os países bálticos, onde deixou unha fonda pegada, con figuras como Hans Nielsen Hauge (Noruega), Peter Spaak e Carl Olof Rosenius (Suecia), Katarina Aslpund (Finlandia) e Barbara von Krüdener (Gobernado de Livonia, na actual Letonia). Tamén chegou até Batak, en Indonesia, da man do misioneiro Ludwig Ingwer Nommensen. Os inmigrantes xermanos e escandinavos levaron o pietismo até América do Norte, onde se mesturou con outras denominacións cristiás, contribuíndo á creación do evanxelismo, un dos máis influentes movementos protestantes.